Restauración dunha guitarra clásica Tatay

Hai xa uns meses tróuxome unha clienta unha guitarra clásica “Hijos de Vicente Tatay” coa tapa despegada nunha sección moi grande, e un serio problema de carcoma xa á vista. Tras retirar o diapasón e despegar a tapa puiden apreciar as dimensións do problema, moito maiores do que parecía inicialmente. O taco de talón estaba completamente carcomido, era unha esponxa que sen moito esforzo podías comprimir aplicando unha lixeira presión cos dedos e que se desfacía case con só miralo. A maior parte dos zoquetiños e das cenefas estaban seriamente afectados e a mellor solución era substituílos por completo.

O proceso de restauración comezou por limpar e desfacernos dos posibles insectos xilófagos que podían quedar ainda no instrumento. Tras isto, houbo que retirar o taco de talón, e aplicar varias capas de paraloide, un produto empregado en restauración de obras de arte antigas afectadas por carcoma, o obxectivo era apuntalar as canles que deixaron os xilófagos para que estas non afundan. Máis adiante colei, na zona interior da tapa, varias pezas de pradairo, unha madeira moi resistente, de aproximadamente 2mm, nas zonas máis seriamente afectadas.

O taco de talón orixinal era de abeto, sen embargo optei por instalar un taco lixeiramente máis grande e de madeira de cedro, que é unha das madeiras máis empregadas na construcción de pezas interiores das guitarras clásicas.

Unha vez rematada esta fase de reparación de roturas e apuntalado de zonas afectadas, pasei a instalar uns zoquetiños novos. Estes vannos ofrecer a superficie de contacto adecuada para instalar de novo a tapa. A cola elixida para todo o proceso, é a mesma que ten o instrumento orixinalmente, cola tradicional animal, feita a base de coláxeno, moi resistente e duradeira, extensamente empregada aínda hoxe en luthería e que nos permite prescindir das colas derivadas do petróleo.

Coa tapa no seu sitio, retirei as cenefas antigas coa axuda do gramil e pasei a colar os perfís novos á maneira tradicional, finalmente colei o diapasón e esta caixa de madeira xa empezaba a parecer unha guitarra.

Seguidamente pasei a preparar o instrumento para o vernizado empregando varias mans de lixas de diferentes grans. Aproveitei que o instrumento estaba nú para a reparación, puramente estética, das canles deixadas polos xilófagos na parte exterior da tapa. Unha mezcla de cola e fibras da propia madeira foi o material elixido para este traballo.

Para o vernizado empreguei o mesmo tipo de verniz a gomalaca que xa cubría o instrumento cando saiu da fábrica hai máis de 50 anos. Foi aplicado coa técnica do pulido francés pero sen chegar a acadar un brillo espello por unha sinxela razón, a madeira, tras moitos anos de serio deterioro non puido ser preparada coma se de un instrumento novo se tratase, e o verniz ten que reflexar este feito, sendo un verniz restaurador pero que en ningún momento pretenda facer pasar o instrumento por novo.

O seguinte paso foi instalar os trastes e unha selleta e unha pestana novas. Os trastes, orixinalmente estaban instalados dunha maneira pouco precisa, o material non era da mellor calidade e a pestana tiña moi sobredimensionadas as canles das cordas, ademáis de ser tosca e estar en mal estado tras o paso dos anos. Así que nesta fase, o meu obxectivo foi mellorar o estado de fábrica do instrumento, dixándoo cuns mellores axustes e empregando uns materiais de gran calidade. A pestana, agora estaba realizada de forma precisa, cun óso ben curado e limpo, e os trastes, de latón, quedaron ben instertados, nivelados e pulidos.


Coa instalación das cordas, axustei a altura da selleta, quedando estas coa altura recomendada para unha guitarra de concerto.

Unha guitarra que estaba prácticamente desafiuzada, condeada a acabar no lixo ou a permanecer esquecida a expensas dos xilófagos, quedou finalmente restaurada e volveu ser un instrumento fermoso, cun son bonito e equilibrado, que esperemos que ofreza toda a música que merece durante moitos, moitos anos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s