Fabricación dunha guitarra clásica. Colado do fondo e costelas

Selección e colado das madeiras do corpo da guitarra

A selección das madeiras marca o comezo da fabricación dunha guitarra clásica.

selección de madeiras

No meu caso, planifico que madeiras levarán tanto os aros e fondo coma a tapa. Isto obedece a que considero importante ter un obxectivo xa dende o inicio, buscando unha boa relación entre aros e fondo coa tapa.

Tamén existe un motivo estético, xa que as miñas rosetas inclúen decoracións empregando as mesmas madeiras do fondo e aros.

Deste xeito, podo achegarme ao obxectivo de conseguir una guitarra clásica equilibrada, tanto acústica como esteticamente.

 colado da tapa plantilla de tapa

O fondo dunha guitarra xeralmente está feito de dúas pezas de madeira cortadas en "libro aberto" e coladas entre si. Para esta guitarra empreguei pau ferro cunha tira central de arce. Tras o canteado das pezas para asegurar un encaixe perfecto, procedín ao colado empregando o sistema de colado tradicional con cuñas e corda.

Este sistema, a diferencia de sistemas máis modernos, é lixeiro, fácil de facer e reparar no taller e consegue un encaixe perfecto sen deformar a madeira. Procuro empregar sistemas manuais e tradicionais na fabricación dunha guitarra clásica, pero en moitos casos tamén emprego maquinaria moderna que me permite acadar moi bos resultados en menor tempo, o que me deixa máis libre para atender aos detalles máis finos.

No taller dun luthier, hai centos de ferramentas tanto eléctricas coma manuais. Algunhas delas feitas polo propio luthier co obxectivo de facer tarefas moi específicas. A ventaxa das ferramentas manuais é que xeralmente, estas pódense reparar, modificar e mellorar no taller.


Varetas e costelas

Para a fabricación de varetas e costelas desta guitarra clásica emprego cedro. Neste caso servinme dalgunha das poucas máquinas eléctricas das que dispoño no meu taller, para acelerar o proceso e acadar unha gran precisión nas medidas.

Para encaixar as costelas retiro parte da tira de reforzo do fondo coa axuda dunha serriña e un formón.

Xa coladas as costelas, calculo as medidas que deberá ter para conseguir a mellor relación entre peso e integridade estrutural. Esta relación permanece omnipresente durante todo o proceso de fabricación dunha guitarra clásica.

Isto permitirá ter unha guitarra cunha gran resposta sonora, sendo á súa vez un instrumento resistente e lixeiro.

Así, o fondo queda listo para ser a peza que vai pechar a guitarra unha vez estea rematada a caixa.

Esta guitarra no momento de publicar este post atópase en fase de vernizado e sairá á venda unha vez rematado este proceso. A parte das guitarras que fabrico habitualmente, tamén admito encargos.

Sin comentarios

Añadir un comentario