Fabricación dunha guitarra clásica. A roseta como elemento decorativo

Durante o proceso de fabricación dunha guitarra clásica, o luthier vai estampar a súa sinatura en forma de roseta. É un dos elementos, xunto coa pala, máis definitorios dunha guitarra clásica. O máis habitual é que un luthier dispoña duns poucos deseños e cada un deles supón unha sinatura. Será a marca diferenciadora con respecto ás guitarras doutros luthieres.

A roseta tradicional

A roseta, tradicionalmente está realizada nun mosaico de marquetería, máis ou menos complexo que o luthier fai en forma de cilindro. Cando precisa de instalar unha roseta nunha nova tapa, simplemente corta unha pequena sección dese cilindro e a colará nun baleirado realizado ao redor da boca da tapa.

Neste video pódese ver parte do proceso de fabricación dunha roseta para guitarra clásica do xeito tradicional:

Que este sexa o método tradicional non impide que sexa o tipo de roseta máis habitualmente empregado en guitarra clásica, de feito, é moi complicado ver rosetas de outro tipo tanto en construtores de corte clásico coma modernos.

Deixo tamén aquí esta ligazón, na que podedes profundizar un pouquiño máis sobre a historia das rosetas na guitarra e outros instrumentos de corda:  https://classicalguitarmagazine.com/lart-de-la-rose-a-whirlwind-history-of-guitar-rosettes/

A roseta moderna

Dentro da roseta moderna podemos ver infinidade de tipos de roseta. Xa que sería unha tarefa case titánica clasificalas, só falarei das miñas rosetas.

Aínda que sinto curiosidade polas rosetas tradicionais, no meu estilo de construción de guitarra sempre trato de innovar dentro das posibilidades que nos ofrece unha guitarra clásica. Deste xeito as miñas rosetas gardan certa similitude entre elas sen ser iguais. Tamén co paso do tempo trato de crear un estándar ou unha sinatura.

Facer as rosetas dun xeito diferente ao tradicional ofrece tamén resultados estéticos afastados do mosaico. Isto pode resultar moi atractivo para músicos que buscan un instrumento clásico con toques modernos.

Como falei no post anteior, a selección das madeiras é un punto fundamental. A parte principal, o que tradicionalmente sería o mosaico, estará formada por unha peza de madeira extraída dos sobrantes do fondo ou dos aros. Así podo conseguir un resultado estético moi harmonioso. A combinación de cores sempre será moi axeitada xa que a tapa contén elementos do fondo.

Esta parte principal irá rodeada dunhas tiras de diferentes madeiras. Estas van preparadas a diferentes espesores, dependendo do deseño que teña entre mans nese momento. Como case todos os procesos durante a construción dunha guitarra clásica, esta parte require de paciencia e precisión. Un fallo nos cálculos facilmente pode facer que teñamos que comezar de novo con esta peza decorativa.

Unha vez coladas as diferentes tiras ao redor da peza principal, dáselle forma recortando o sobrante e deixando un "donut" que vai ir incrustado nun baleirado feito na tapa. Para este baleirado existen diferentes métodos, tanto tradicionais empregando ferramenta manual coma modernos empregando fresadoras eléctricas. O resultado é o mesmo empregando un método ou outro.


Xa colada a roseta na tapa só queda colar o baixo-boca. Este será un reforzo da tapa colocado parte interior da guitarra. Queda decidir o tamaño da boca, que terá unha influencia importante na proxección do son da guitarra, e preparar a tapa para o seguinte paso, que será deixala colada no mango.

Sin comentarios

Añadir un comentario