A roseta é unha das sinaturas máis importantes e máis representativas do traballo dun guitarreiro artesán. Facer unha roseta é un proceso longo, que consume moito tempo pero que unha vez realizado consigue que unha guitarra clásica teña o seu propio carácter e resulte chamativa e elegante.

Existen varias maneiras de facer unha roseta, case tantas coma luthieres xa que cada un de nós ten un xeito de traballar e toma unhas decisións estéticas diferentes. Entre as máis coñecidas, son as feitas de unha peza de madeira, de varias pezas planas combinadas entre si facendo mosaicos irregulares, de láminas concéntricas ou as máis coñecidas que son as de mosaicos regulares, moi típicas da guitarra española tradicional.

No meu caso, a roseta está feita de láminas de madeira encoladas entre si de forma concéntrica. Combinando madeiras de cores e texturas diferentes consigo facer un cilindro do que podo extraír entre 5 e 7 rosetas exactamente iguais.

Poñerme a facer unha roseta implica unha toma de decisión e planificación estética moi profunda xa que a miña intención é conseguir unha roseta case minimalista que poda decorar as tapas das miñas guitarras clásicas. É moi importante que esta roseta combine perfectamente coa perfilaría para conseguir un conxunto estéticamente equilibrado, agradable e elegante.

O cilindro vouno "fileteando" pouco a pouco para sacar unha roseta cada vez que quero facer unha tapa nova. O proceso para instalar a roseta consiste en facer un rebaixe na madeira da tapa no que esta peza decorativa vai encaixar perfectamente. Unha vez colada, elimínase o sobrante deixándoa a nivel co resto da tapa.

Supoño que neste momento estarás pensando, e se quero facer unha guitarra clásica a medida? podo encargar o meu propio deseño?

Por suposto que si, se queres encargar un instrumento personalizado e tes unha idea para a roseta, podemos traballar para, conxuntamente, crear un deseño novo, que encaixe co que che gusta e poda tamén adecuarse ao meu estilo de construcción da guitarra clásica.

Como di a frase feita "sobre gustos non hai nada escrito".