O xoves pasado tiven a enorme sorte de poder asistir ao Foro Resonancias 2022 organizado polo festival Música No Claustro. Foi unha gran experiencia poder compartir vivencias con outras compañeiras e compañeiros galegos da profesión e coas persoas que realizaron as poñencias. O entorno único, o claustro da catedral de Tui, favoreceu a compartición de ideas a reflexión e tamén o disfrute e contemplación arquitectónica.

Un dos grandes puntos fortes do día foi a presentación de Labra, a primeira asociación profesional galega de construción de instrumentos musicais, por parte dos compañeiros Pablo Sánchez Otero e Francisco Luengo. Emocíoname moito pensar no futuro que podamos construir os luthieres galegos grazas a poder xuntarnos nunha casa común. Teño que felicitar, por suposto, aos luthieres que fixeron posible crear a asociación co seu esforzo e dedicación.

Ademáis no foro falouse de temas interesantísimos como por exemplo da conservación de instrumentos antigos no museo Santa Cecilia de Edimburgo, por parte de Jonathan Santa María Bouquet.

Unha charla fundamental para poder abrir camiños no futuro da luthería galega foi a que tratou sobre o emprego de madeira autóctona. Esta levouse a cabo polo compañeiro José Catoira, por Montserrat Rodríguez de Xera, a Axencia Galega da Industria Forestal e por Francisco Pedras de CIS-Madeira. Falouse de especies galegas xa amplamente empregadas, especies que se poden empregar e que prácticamente non se coñecen na luthería e tamén se falou de madeiras galegas modificadas para conseguir propiedades físicas que semellen a especies tropicais. En definitiva, como mellorar a sustentabilidade da nosa profesión facendo instrumentos íntimamente relacionados coa terra.

Xa pola tarde trataron outros aspectos da profesión Antonio Suárez, que falou sobre a formación en luthería e Elena Vazquez que falou sobre o patrimonio inmaterial en relación coa nosa profesión.

Nadia Vázquez fixo unha interesantísima exposición sobre a musette, un tipo de gaita moi empregada en Francia durante o periodo artístico barroco.

O compañeiro Oli Xiráldez e David Garrido expuxeron o seu traballo sobre a restauración dun oboe barroco Stanesby Senior que se atopa na catedral de Tui e comentaron cuestións moi interesantes e algunhas anécdotas en relación a este instrumento.

Como colofón final, as compañeiras Ana FariñaJulia Marín e Saínza Seivane, acompañadas pola profesora e activista cultural Olga Nogueira, puxeron especial atención na presenza da muller como artesás e luthieres, comentando experiencias propias nas que sentiron que, polo feito de ser mulleres, foron tratadas de formas irrespetuosas, feitos que afectaron incluso ao seu traballo. Expuxeron algunas estratexias futuras interesantes e abríronnos os ollos aos homes que traballamos nesta profesión, que a pesar de ser nunha grandísma maioría persoas sensibles a esta problemática, pola nosa propia condición non podemos experimentala en primeira persoa. Asimesmo ensináronnos posibles camiños a seguir para lograr unha auténtica igualdade no noso ámbito.

En conclusión, o Resonancias 22, foi un foro que abrangueu moitos temas interesantísimos e foi un punto de encontro de grandísimo valor para todos os compañeiros e compañeiras da profesión. Ogallá que tanto Samuel Diz coma o seu equipo de enormes profesionais, sigan nos vindeiros anos organizando este foro dentro do xa mítico festival de Música No Claustro.