O pasado día 2 de agosto tiven a enorme oportunidade de poder partillar o meu traballo no Foro Resonancias 23, que se leva a cabo dentro do Festival Música No Claustro.

Puiden ensinar a miña última guitarra clásica, un instrumento cun deseño propio, que bebe da tradición pero que trata de facerse un oco coma unha guitarra contemporánea tanto no estético coma no sonoro.

Ademáis presentei o traballo fotográfico de Pablo Rodríguez, que estivo presente durante todo o proceso de construción desa guitarra. Un proceso ao que normalmente pouca xente ten acceso e que Pablo fixo todo o posible por divulgar.

No foro participaron tamén O Reberete, mostrando os seus instrumentos, falouse tamén do toque de campás ou de instrumentos africanos como a Kora. Tamén houbo tempo para as novas tecnoloxías aplicadas á certificación da madeira, para falar do aproveitamento industrial pero sustentable das frondosas caducifolias galegas e incluso tivemos unhas mesas intersectoriais moi intersantes que permitiron achegar moitas posturas con diversos profesionais da madeira, da artesanía e da luthería.

En resumo, unha fermosa e enriquecedora xornada como xa ven sendo a tónica dentro do Foro Resonacias de Música no Claustro.