O concepto de "pulido francés" refírese á arte de aplicar un acabado a unha superficie de madeira mediante o uso dunha ferramenta coñecida como boneca ou bonequiña. Esta ferramenta, xeralmente elaborada cunha tea de algodón envolta ao redor dun núcleo feito a partir de retallos, tiras ou unha masa de fíos de algodón, úsase para aplicar o acabado sobre a madeira. Polo tanto, o termo "pulido francés" céntrase máis no proceso físico e na técnica de aplicación do acabado que no tipo específico de acabado en si mesmo.

A gomalaca, un produto natural, prodúcese a partir da secreción resinosa do escaravello Kerria lacca. Tras alimentarse do zume da árbore hospedeira e formar unha codia protectora ao redor das súas larvas, os escaravellos maduran e reprodúcense, finalizando así o seu ciclo de vida. Durante a recollida da laca, os cultivadores raspan a secreción resinosa das ramas da árbore para posteriormente procesar a resina co obxectivo de eliminar tódalas impurezas.

A presentación comercial máis coñecida é en forma de escamas, aínda que tamén se pode obter en forma de botóns ou en forma de pequenas boliñas irregulares coñecidas como sementes. As cores da gomalaca varían segundo a estación de recollida, ofrecendo tanto tons vermello-púrpura escuros, cores máis alaranxadas ou como a máis utilizada, a gomalaca loira que ten un suave color amarelo.

Se tes a oportunidade de observar un moble ou un instrumento musical cun bó acabado a gomalaca coa técnica do pulido francés, seguramente chamarache a atención a claridade, profundidade e riqueza do acabado. Algo que os acabados sintéticos non poden conseguir.

Ademais, no noso ámbito o máis importante é o son único, amadeirado e aberto que aporta ao timbre dunha guitarra.

O vernizado de mobles con esta técnica nace no século XVIII, en Francia e xurdiu como un método para aplicar gomalaca sobre superficies de madeira, logrando un acabado pulido e brillante de gran elegancia. Esta técnica comezou a utilizarse para vernizar mobles de máxima calidade, moitas veces pertencentes ás clases sociais máis adiñeiradas debido a que era e segue a ser unha técnica moi laboriosa que require de moitas horas de traballo.

Este verniz seguiu empregándose ininterrompidamente até os nosos días a pesar da irrupción dos vernices sintéticos e segue utilizándose amplamente na fabricación de mobles exclusivos, na restauración de mobiliario antigo e na fabricación de instrumentos musicais.

Coa introdución da tecnoloxía de pulverización de nitrocelulosa, máis rápida e barata, desenvolvida a partir da década de 1930, moitas fábricas abandoaron esta técnica. Aínda que o pulido francés con gomalaca require máis man de obra e é máis delicado, hoxe en día considérase o mellor acabado para as guitarras clásicas, tanto pola súa beleza estética como polo resultado acústico.

No meu caso, ao longo dos anos probei diferentes tipos de acabados para as miñas guitarras pero ningunha conseguiu desprazar á gomalaca, que é o verniz que mellor se axusta, baixo o meu punto de vista, a unha guitarra clásica de alta gama fabricada de xeito artesanal.

O pulido francés en guitarra clásica

Aprender a vernizar con esta técnica é un proceso longo e moitas veces duro e cheo de frustración, sobre todo se és unha persoa tremendamente perfeccionista como é o meu caso.

As primeiras guitarras que vernicei con esta técnica foron instrumentos que chegaban ao meu taller para ser restaurados así que non podía entregar estes traballos sen un acabado perfecto. Estes encargos xurdiron ao pouco tempo de abrir o meu taller e tras saír da escola de luthería, por tanto a miña falta de experiencia foi suplida cunha gran dedicación e unha gran cantidade de horas de traballo que servían para ir solucionando pequenos erros e fallos na técnica.

Finalmente conseguín un acabado non só profesional, senón un acabado do que estaba profundamente orgulloso, con todo, a dificultade e a frustración durante o traballo fixéronme pensar que era un acabado demasiado complexo.

De todas formas, como luthier encántame experimentar e estas dificultades convertéronse nun reto que superar así que propúxenme mellorar a miña técnica para poder vernizar as miñas propias guitarras e poder disfrutar do proceso.

A diferenza do traballo de ebanistería tradicional no que os artesáns simplemente enchen os poros e aplican unhas capas de gomalaca co fin de conseguir un bonito acabado, os luthieres actuais tentamos levar esta técnica ao extremo, aplicando moitas máis capas para conseguir un acabado lixeiramente máis groso coa finalidade de aumentar non só a durabilidade senón tamén o brillo e a beleza estética.

A pesar disto, o acabado a gomalaca adoita ser moito máis fino que os acabados sintéticos pulverizados, o cal é unha das razóns que fan que unha guitarra teña un son de maior calidade cunha gran presenza dese son amadeirado, cálido e envolvente que só se pode conseguir desta maneira.

Materiais utilizados no pulido francés

Principalmente os tres ingredientes empregados para facer un verniz de gomalaca que será empregado coa técnica que nos ocupa, son coma é lóxico a resina de gomalaca, o alcol e o aceite.

Ademais necesitaremos dunha bonequiña, que veremos máis adiante como se fai, unha serie de frascos ou botelliñas de vidro para as mesturas e por suposto un banco de traballo limpo.

Alcol para a gomalaca

O alcol que mellor resultado me dá é o alcol etílico. Eu utilizo un moi puro, preparado especialmente para disolver gomalaca e outras resinas, pero incluso o alcol de farmacia podería valer, o problema deste último é que ás veces contén unha cantidade de auga maior da que se adoita indicar no envase e isto podería dificultar un pouco o traballo.

Hai outros alcoles nos que se podería disolver a gomalaca pero non os recomendo xa que algúns poderían producir un acabado de peor calidade e incluso algúns provocar problemas na pel.

Aceites para lubricar

O pulido francés require o uso de aceites que inflúen na aplicación e as propiedades a longo prazo do acabado. O aceite de oliva é o máis utilizado, seguido do aceite mineral e o de nogueira. Os aceites divídense en secantes e non secantes: os non secantes, como o aceite de oliva e mineral, facilitan a aplicación da gomalaca ao aumentar a lubricación entre a bonequiña e a superficie, producindo un acabado suave. Os secantes, como o de nogueira, polimerizan para formar parte permanente do acabado.

Non hai un aceite mellor que outros, senón que cada luthier utilizará aquel que lle de mellores resultados e co que estea máis cómodo vernizando. No meu caso só utilizo aceite de oliva como lubricante durante a aplicación do verniz xa que é a técnica que máis domino e coa que teño máis experiencia.

A bonequiña

A boneca ou bonequiña consiste xeralmente nunha boliña de material absorbente como tiras ou fíos de algodón envoltos por unha tea de algodón branco.

Como en todo este proceso, cada luthier a fará dunha ou doutra maneira, incluso dependendo da parte do instrumento que se estea vernizando, pode que se utilice unha máis grande, máis pequena, máis redondeada ou máis alargada.

Incluso no meu caso, nas zonas máis difíciles simplemente prescindo do recheo e utilizo sómente a tea do envoltorio dobrada un par de veces.

O recheo de poros

Atendendo á porosidade da madeira existen dúas categorías, aquelas de poro aberto e as de poro pechado.

As madeiras de poro pechado como o pradairo, o abeto ou o cedro vermello non requiren de recheo de poros e pódese comezar a aplicar a gomalaca saltándonos esta fase, con todo existen outras madeiras co poro aberto, é dicir aquelas que cando as vemos ben lixadas e preparadas para o vernizado, podemos observar a simple vista un montón de furadiños que non son outra cousa que os vasos polos que circulaba o zume cando a árbore estaba viva. Estas madeiras son por exemplo a caoba, o cedro de Honduras, o pausanto de India, etc.

Se ben se pode deixar o poro aberto, o máis habitual é enchelo para poder conseguir un acabado liso coma un cristal.

O método tradicional consiste en encher o poro empregando po de pedra pómez, que é unha rocha ígnea volcánica que ten unha gran capacidade de abrasión. Esta capacidade empregámola ao noso favor, xa que aplicaremos unha pequena cantidade de po na superficie a vernizar e coa bonequiña cargada realizaremos uns movementos circulares que farán que se liberen algunhas fibras de madeira formando unha pasta que consiste nunha mestura de pedra pómez, fibras de madeira e gomalaca.

Esta pasta terá a mesma cor que a madeira que esteamos vernizando así o noso poro quedará perfectamente tapado e invisible.

Para encher os poros hai outras técnicas que en moitas ocasións utilizan materiais sintéticos como resinas epoxy ou tapaporos preparados, que posiblemente sexan máis fáciles de aplicar, pero na miña opinión a pedra pómez produce o mellor resultado estético.

Técnicas de vernizado

Hai tantas técnicas de pulido francés coma luthieres ou vernizadores de ebanistería, aínda que todos comparten uns materiais comúns e unha ferramenta, a bonequiña. Nalgúns casos algúns luthieres empregan brochas ao inicio do traballo para ir xerando as primeiras capas de forma máis rápida.

De todas formas, nesta técnica a fin xustifica os medios e non hai unha maneira única de traballar, alguns luthieres case non empregan aceite, outros empregan algo máis, uns fan breves fases de lixado para nivelar o acabado e outros non o fan, uns utilizan bonequiñas pequenas, outros máis grandes e así cunha longa lista de cousas que se poden facer durante este traballo.

Así que a calidade final do acabado dependerá principalmente da experiencia do vernizador e de que teña unha técnica depurada, unha gran dose de paciencia e unha forza aplicada de xeito moi controlado.

O pulido francés é unha técnica difícil de dominar e que require de moita experiencia, pero paga a pena o esforzo. O resultado estético e acústico é imbatible.

Ecoloxía e sostibilidade

Por último gustaríame comentar unha cuestión que cada vez cobra máis relevancia, non só polo encarecemento de certos materiais senón polo impacto ecolóxico que poden provocar.

A gran maioría dos vernices modernos son produtos derivados do petróleo que teñen un gran impacto medioambiental xa que tanto durante o seu proceso de fabricación coma durante a súa aplicación prodúcese unha gran cantidade de vapores e outros residuos de difícil xestión e que xeran un serio problema ecolóxico.

Ademais son produtos non renovables e dependen dunha industria tremendamente contaminante como é a industria fósil.

Con todo a gomalaca non xera ningún destes problemas, é un produto completamente inocuo e os seus residuos son perfectamente compostables. Ademais o disolvente empregado, o alcol etílico, é un produto derivado da fermentación de materia vexetal.

Tanto a gomalaca como o alcol etílico son produtos naturais, renovables, non contaminan o medio ambiente e ademais a súa aplicación é completamente segura para o luthier. Ademais por se fóra pouco a tecnoloxía necesaria para aplicar este verniz é tremendamente baixa, non fai falta utilizar maquinaria de ningún tipo.

Cando vernizas a gomalaca estás só, coa túa guitarra e en completo silencio, realizando un proceso meditativo, que che mantén concentrado, que con cada pasada de bonequiña achégate un pouco máis a un resultado extremadamente belo e elegante.