A cola animal é un dos adhesivos máis empregados na historia da construción de instrumentos musicais, está composta principalmente de coláxeno obtido de algúns restos animais coma pel ou cartílagos, que son ricos neste material.

Esta cola ten algunas características que a fan moi interesante na construción de instrumentos, no noso caso de guitarras clásicas:

  • É biodegradable e inocua para calquera ser vivo. Os seus restos pódense compostar sen provocar ningún tipo de dano medioambiental.
  • Forma unha unión moi sólida e duradeira, isto é fundamental para garantir unha boa estabilidade estrutural e unha boa acústica nos nosos instrumentos.
  • É un produto completamente natural, que a diferencia das colas sintéticas permite non depender da industria petroquímica.
  • É soluble en auga, así poderemos limpar os restos cunha rolla húmida.
  • As unións poden ser descoladas empregando humidade e calor, deste xeito poderemos desmontar algunha parte do instrumento que precise ser restaurada no futuro.

De tódolos xeitos non todo son vantaxes xa que hai que preparala antes de poder empregala e require de certa experiencia para poder usala con éxito, a diferencia da inmediatez e da sinxeleza de uso da cola sintética.

No caso dos meus instrumentos, estes están colados con este adhesivo que os luthieres e outros traballadores da madeira levamos empregando de forma ininterrompida dende moi antigo, tanto é así que hai pezas conservadas de mobiliario do antigo Exipto que foron coladas deste xeito.

No seguinte video podedes ver como fago o colado dun fondo para guitarra clásica, neste caso de pradairo, empregando cola animal quente e o método tradicional que consiste nunha corda que imos tensar fortemente introducindo unhas cuñas de madeira.